Comezan os obradoiros de arte floral nos centros educativos iniciativa da concellería de Cultura e da concellería de Ensino

A concellería de Cultura e Turismo e a concellería de Ensino están a desenvolver obradoiros de arte floral nos centros educativos de Ponteareas para garantir que este prezado legado perviva na mocidade que é o futuro de Ponteareas.

As concelleiras e persoal municipal alfombrista con experiencia en deseño e confeción de alfombras visitan os colexios e institutos para contaxiarlles o seu amor polas alfombras florais de Ponteareas e trasladarlles algúns coñecementos imprescindibles para converterse en portador da nosa arte floral.

Esta iniciativa do concello de Ponteareas que arrancou no ano 2016 permite ao alumnado adquirir coñecementos sobre os materiais naturais que deben empregarse, métodos e modos de conservación, deseño, confección da plantilla e os pasos ordenados que deben darse ao momento de proceder á confección.

Clases teóricas e clases prácticas que rematan na confeción dun tapete floral no propio centro educativo.

Estes obradoiros que se desenvolverán ao longo destas semanas culminarán coa realización da alfombra floral o 16 de maio na praza Maior con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.

As concelleiras Hortensia Bautista e Cristina Fernández coinciden en salientar a importancia de formar e transmitir o sentir dos alfombristas á infancia e á mocidade porque eles son a futura xeración que fará perdurar esta antiga tradición de máis de 160 anos.

Bautista e Fernández agradecen a colaboración no día de hoxe das alfombristas da ANPA Pena do Equilibiro que participaron no obradoiro no seu colexio, o CEIP Mestre Ramiro Sabell.