Comezan de novo as actividades do programa Apego no Concello de Ponteareas

O venres, día 16 de outubro, a sala multiúsos do auditorio municipal acollerá, ás 18 horas, unha nova actividade “Canta buguina, canta!”, dentro do Programa Apego, de socialización da lingua galega na infancia.

 

Despois de todos estes meses, as máis pequerrechas e pequerrechos poderán desfrutar de “Canta buguina, canta!”, narración oral para a primeira infancia na que as nenas e nenos da man de Marta Ortiz comezarán unha viaxe polo mar, cantarán cancións e na que se recrearán animais con obxectos, barcos e illas de papel, un mar de tea ao son da música e das palabras.

 

“Canta, Buguina, canta!” é un espectáculo para primeira infancia que ten como obxectivo xogar coa palabra e a poesía, coas cancións e contos, cos xogos visuais e sonoros que serán o berce da literatura.

 

Esta actividade está recomendada para nenos ata 4 anos e para poder asistir á actividade é necesaria a reserva previa no correo electrónico lingua@ponteareas.gal.

 

“Canta, Buguina, canta!” forma parte dun conxunto de actividades realizadas de xeito mensual que fomentan a vinculación das familias co galego, dentro do proxecto Apego, un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma, para o que se desenvolven materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmanse actividades para nais e pais e para nenos e nenas, etc