Comezan as obras de mellora enerxética do conservatorio municipal

sdr

As obras están financiadas no 80% polos fondos FEDER de desenvolvemento rexional da Unión Europea

A concellería de Ensino que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández e a concellería de Vías e Obras que dirixe Chus Garrote informan que veñen de comezar as obras de mellora da eficiencia enerxética do conservatorio municipal que foran adxudicadas a unha empresa local polo total de 371.370,27€ (ive incluído) a través dun concurso público aberto para garantir a igualdade de oportunidades. Nesta adxudicación o concello conseguíu un aforro de 19.545,81€ respecto ao valor de licitación.

Cristina Fernández estableceu coa empresa adxudicataria os horarios de realización dos traballos co obxectivo de non entorpecer a actividade lectiva e as obras están sendo realizadas en horario de mañá e se fose preciso tamén nas fins de semana e festivos.

O proxecto enmárcase dentro da estratexia “Ponteareas, hábitat saudable” que conta co apoio da Unión Europea a través dos fondos FEDER de Desenvolvemento Rexional que financian o 80% do custe total da obra.

A concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, detalla que o proxecto contempla o cambio completo da cuberta, a substitución de ventanais e luminarias, a insonorización dalgunhas aulas, arranxos e impermeabilización das paredes exteriores, entre outras accións que repercutirán no aforro enerxético, en dar un paso máis na contribución da protección medio ambiental e que suporán ofrecer á comunidade educativa un espazo de maior comodidade e calidade.