Comezan as obras de mellora da vía principal en Chan da Gándara, Padróns

A concelleira socialista de Vías e Obras, Chus Garrote, informa que nestes días procédese á mellora da pavimentación da vía de acceso principal ao barrio de Chan da Gándara, Padróns. Tras moitos anos sen pavimentar e por mor da cantidade de tránsito de vehículos pesados que soporta, o firme estaba moi deteriorado e por iso dende esta concellería se tentou axilizar ao máximo posible a súa reparación.

 

A pasada semana, Chus Garrote reuniuse cos veciños e veciñas para informarlles do comezo inminente das obras e da posibilidade de asfaltar algunha outra vía de acceso á vía principal debido a unha baixa que se produciu na adxudicación do contrato. “Son os veciños e veciñas os que coñecen mellor que ninguén as necesidades da parroquia, polo que deben ser eles e elas os que propoñan aqueles camiños que desexen mellorar”, afirma Chus Garrote que engade que “traballamos a diario coa máxima celeridade posible. Temos 24 parroquias e a metade da poboación vivindo no rural. Cando eu cheguei a concellería, despois de moitos anos de abandono,a demanda era tan grande que a veciñanza vese na obriga de agardar por obras indispensables ás que pouco a pouco imos dando resposta”.

Esta obra, financiada con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, adxudicouse por un importe de 52.632,83 euros e o prazo de execución será dun mes. Despois da limpeza de cunetas e de firme xa están traballando na capa de rodaxe. “É realmente satisfactorio poder atender as necesidades dos nosos veciños/as, e actuacións coma esta poñen de manifesto a aposta e defensa do rural dende o Goberno local”, afirma Chus Garrote, concelleira de vías e obras.