Comedia de enredo en Cillarga co grupo de teatro ‘Pena do Equilibrio’ e o programa Cultura24

Comedia de enredo en Cillarga co grupo de teatro ‘Pena do Equilibrio’ e o programa Cultura24

A representación, de balde, será o domingo 21 ás 18.00 horas na casa cultural

O programa Cultura24 sube o pano unha vez máis esta fin de semana con teatro e humor. Ao abeiro desta iniciativa, o Concello levará este domingo 21 de maio ao centro cultural de Cillarga a obra ‘O tiro pola culata’, unha divertida obra do grupo de teatro afeccionado ‘Pena do Equilibrio’ co que sacar un sorriso a público de todas as idades.

Trátase dunha obra orixinal de Paula Lorenzo Sertaje, unha comedia de enredo na que non faltará a picaresca e onde a realidade sempre é diferente á ficción para facer pasar unha tarde divertida a todas e todos os espectadores. O espectáculo comezará ás 18.00 horas e, como en todas as actuacións organizadas dentro do programa Cultura24, será con entrada de balde ata completar aforo.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a achegarse a Cillarga “para gozar dun momento de lecer co Cultura24, un programa que ofrece a todas e todos os ponteareáns un amplo abano de actuacións gratuítas que permiten tamén dinamizar as nosas 24 parroquias, dar visibilidade ás agrupacións musicais, teatrais e culturais da vila e promocionar todo tipo de arte”.