Colle a túa cámara e captura a beleza natural de Ponteareas

Obradoiro de fotografía na natureza totalmente gratis

A concellería de Mocidade, que dirixe Miguel Bouzó, anima a todos os mozos e mozas a participar no obradoiro de fotografía na natureza. Co obxectivo de pór en valor o noso patrimonio natural e de ofrecer á mocidade alternativas de formación e lecer, a concellería oferta completamente de balde este obradoiro que terá lugar nesta fin de semana, sábado 26 e domingo 27.

Para poder participar haberá que inscribirse no número de teléfono 672 105 468 ou na oficina da OMIX ubicada na biblioteca municipal 986660765.

A actividade desenvolverase nos seguintes horarios: sábado de 9:30 a 14 horas e domingo de 10 a 14 horas e o punto de encontro será a Moscadeira.

Colle a túa cámara e percorre as marxes do Tea na procura do mellor encadre, a mellor luz ou o mellor enfoque.

O obradoiro de fotografía na natureza promoverá os desprazamentos a pé provocando o encontro con recunchos descoñecidos para a mocidade, explica o concelleiro de Mocidade que engade que “o obxectivo ademais de didáctico e de entretemento tamén supón a ocasión para que a mocidade coñeza a fondo a súa vila, sentíndoa súa e facéndose responsible de que perdure intacta no tempo”.

O concelleiro Miguel Bouzó recorda á cidadanía que aínda está aberto o prazo para a presentación de fotografías para o concurso fotográfico “Calendario Galego de Ponteareas 2020”, as bases poden consultarse na seguinte ligazón

http://ponteareas.gal/servizos/cultura/bases-cultura/