Clausura do curso de lingua de signos en Ponteareas

Vinte e oito alumnas recibiron os diplomas do curso de Lingua de signos A1.1, das mans do concelleiro de Lingua, Fernando Groba e dos dous docentes das aulas, Raquel González Novelle e David Fernández García.

O curso desenvolveuse de xeito telepresencial, en dous grupos de 14 persoas, cunha duración de 30 horas, durante os meses de marzo e abril. Pola contra, a derradeira sesión celebrouse na Biblioteca Pública Municipal para que as alumnas puidesen coñecerse fisicamente e practicar entre elas os coñecementos adquiridos. Ademais, as formadoras trouxeron, como sorpresa, dúas persoas xordomudas convidadas para a ocasión.

As participantes mostraron a súa satisfacción polo curso e, entre os motivos polos que decidiron facer esta actividade, sinalaban que era porque querían aprender unha lingua nova, porque coñecían a algunha persoa xorda, desexaban mellorar a súa comunicación con ela e porque era de balde.

Despois de completar o curso, as alumnas decatáronse de que existe un gran descoñecemento sobre a lingua de signos e sobre os falsos mitos que existen no contorno das persoas xordas e teñen intención de practicar o aprendido e axudar a mellorar a situación deste colectivo.

“O éxito desta iniciativa e desta edición aléntanos para intentar ofertar máis cursos de lingua de signos. Por unha banda, para persoas que queiran comezar de cero e, por outra, para as que asistiron a estes e poidas seguir adquirindo máis vocabulario e practicando novas estruturas gramaticais”, sinala o edil de Lingua, Fernando Groba, ao tempo que apunta a intención de seguir realizando outras actividades coa comunidade existente no Concello como xa se realizou durante o confinamento co contacontos Felipe ten gripe, que se difundiu a través da páxina de Facebook Cultura e Turismo Ponteareas  (@visitponteareas).