Cinco empresas de Ponteareas recollen o distintivo SICTED de calidade turística

Cinco empresas de Ponteareas recollen o distintivo SICTED de calidade turística

 

Recibiron este certificado na II Gala de Calidade Turística do Xeodestino Condado Paradanta

 

Cinco establecementos de Ponteareas contan xa co distintivo SICTED, un certificado promovido pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias que premia o compromiso das empresas turísticas coa calidade. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e a Directora Xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, entregaron estes distintivos dentro da II Gala de Calidade Turística do Xeodestino Condado Paradanta celebrada este luns.

 

Nesta nova edición da gala recolleron por primeira vez os certificados os ponteareáns a taberna-tapería A Casa da Triga, a cervexa artesanal Galician Brew, ao restaurante Casa Rivero, mentres que o establecemento hoteleiro A Coastine e o restaurante de cociña de autor de A xanela gastronómica renovaban certificado.

 

A rexedora quixo gabar a aposta dos establecementos de Ponteareas e do resto do territorio do xeodestino Condado-Paradanta “pola calidade, convertendo os servizos e produtos que ofrecen nun elemento diferencial capaz de atraer turismo”. Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, salientou “o compromiso das empresas por mellorar a experiencia e a satisfacción de todas aquelas persoas que se achegan ata a nosa vila”.