A ciencia está viva e vive para mellorar o noso día a día

A concellería de Ensino e Participación Cidadá, que dirixe a nacionalista Cristina Fernández, pecha a terceira edición da Semana das Ciencias cun balance positivo non so na asistencia de público ás actividades se non tamén en canto á participación de profesorado e alumnado acadando así os dous obxectivos principais desta iniciativa: achegar a ciencia á cidadanía e facer da participación unha condición.

Participantes e público destacaron o interese das actividades organizadas achegando os seus parabéns á concellería e animándoa a traballar xa na vindeira edición.

Científicos de renome visitaron Ponteareas para falar do cambio climático, do aproveitamento dos montes, do papel da muller no campo científico, do antropoceno ou dos ríos galegos. Pero tamén houbo tempo para que os que fan de profesores a diario se convertan en alumnos e alumnas no seminario para profesorado sobre a recollida de datos meteorolóxicos e ao revés, os estudantes tomaron as rendas no Congreso do Alumnado para expor as súas teorías e lanzar hipóteses e tamén para expor os seus inventos na Feira das Ciencias. 

Toda a cidadanía puido desfrutar do museo da ciencia, da exposición fotográfica e da ciencia nas rúas e a comunidade escolar das visitas educativas e da unidade didáctica sobre a fauna nos montes da comarca.

A ciencia está viva e vive para mellorar o noso día a día, así o explica a concelleira Cristina Fernández que adianta que na súa axenda xa se barallan distintos nomes de recoñecido prestixio a petición dos participantes na organización desta pasada edición e que terán o seu oco na cuarta Semana das Ciencias na que o alumnado volverá cobrar protagonismo e aumentará a súa participación tanto no deseño do programa como no desenvolvemento do mesmo.

Fernández Dávila agradece a todos os participantes (alumnado, profesores, poñentes, traballadores municipais e público en xeral) a súa aportación e o seu apoio para facer  desta iniciativa un exemplo de traballo en equipo exitoso.