O ciclo “Venres D_letras” retoma a súa actividade coa presentación de “Nordeste”, de Daniel Asorey

O ciclo “Venres D_letras”, organizado pola Concellería de Cultura e co que se pretende dar visibilidade aos autores galegos contemporáneos, retoma a súa actividade logo do parón do mes de agosto. E para inaugurar a nova tempada contará coa presencia do escritor compostelán, Daniel Asorey, que vai presentar a súa novela “Nordeste”, gañadora do Premio Repsol de Narrativa Breve do ano pasado.

“Nordeste” está ambientada no mundo dos “cangaçeiros”, un grupo a medio camiño entre o bandoleirismo e a resistencia social, que desenvolveu a súa actividade dende mediados do século XIX ata ben entrado o XX, no “sertão”, ao nordeste do Brasil. A pesar de ser un traballo ben documentado no que mistura a realidade coa pura fantasía, o fondo da historia parte dunha ucronía na que Galicia chega á actualidade mantendo un estatus político independente logo de que os Irmandiños vencesen na súa loita contra os nobles galegos, e extendendo o seu poder cara á zona referida do Brasil.

A historia está protagonizada por tres mulleres que representan distintas maneiras de pensar e de enfrontarse a un mundo dominado por homes, pero como telón de fondo da historia atopamos os conceptos de liberdade e de sumisión, así como a maneira na que unha sociedade oprimida que consegue liberarse das súas ataduras, remata por cometer os mesmos erros contra os que loitaron.

“Nordeste” é a primeira novela de Daniel Asorey, que xa se dera a coñecer en algunhas publicacións colectivas.

O ciclo “Venres D_letras” terá continuidade o vindeiro mes coa presentación de “As contas que nos contan”, de Xosé Díaz.