O ciclo “Venres D_Letras” acolle a presentación de “Hermes, aprendiz de mago” de Manrique Fernández

sdr

O ciclo “Venres D_letras”, que cada segundo venres de mes se desenvolve no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas a partir das 20:30 horas, contará nesta ocasión coa presencia do xornalista e escritor chairego e afincado en Ponteareas, Manrique Fernández, que presentará a obra de teatro para nenos “Hermes, aprendiz de mago”.

O protagonista da historia é Hermes Gramalleira, un rapaz que prepara o seu exame final para conseguir o título de Mago de Primeira. Hermes recibirá a visita dun cliente que necesita axuda con urxencia para desfacer un feitizo, e o mago deberá recurrir a unha serie de obxectos máxicos que o acompañan, para tratar de contrarrestar o maleficio de que foi vítima o cliente.

É unha peza de teatro dirixida ao público infantil, ideada para ser representada por dous actores e monicreques, malia que tamén pode ser interpretada só por actores ou só por monicreques. Con certo aire irreverente, pretende, sobre todo, divertir, ao tempo que inculcar nos nenos certos valores universais como a colaboración, a solidariedade ou a amizade.

Manrique Fernández é o coordinador do ciclo Venres D_letras, que o vindeiro mes terá continuidade coa presencia de Eli Ríos, que nos falará da súa primeira novela “Luns”.