Chévere aterra no auditorio municipal de Ponteareas co seu espectáculo “Eroski Paraíso”

O auditorio de Ponteareas prepárase para recibir ás actrices e actores Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias e Fidel Vázquez que porán en escea a obra “Eroski Paraíso”.

A primeira produción de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro aterra en Ponteareas o vindeiro domingo día 18 ás 20 horas.

 A venda de entradas estará aberta o sábado de 11 a 14 horas e o domingo de 17 a 19:45 horas cun prezo de catro euros por persoa.

Eroski Paraíso é un proxecto escénico construído sobre a promesa dun paraíso social feita por un Estado de Benestar que agora se desmorona. O paraíso prometido era en realidade un gran hipermercado. Este é o retrato dunha xeración que tivo todo ao alcance da man e andou pola vida como se andase polo corredor dun supermercado, sometida ás mesmas técnicas de márketing que se usan para influir nas decisións de compra.

Como outras pezas de Chévere, Eroski Paraíso é o resultado dun proceso de procura de varios meses que logo se concreta no local de ensaio. Nesta ocasión fíxose un traballo de documentación previo sobre a sala de festas Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990. Alí coñecéronse Eva Martínez e Antonio Formoso en 1989, como tantas outras parellas da zona. Ela tiña 19 anos, el 25. Casaron ao quedar ela embarazada e a súa filla Alexandra (Álex) naceu ao ano seguinte, xusto cando pechou a Paraíso. Logo emigraron e andaron a tombos dun lado a outro deixando que a vida decidise por eles. Vintecinco anos despois, atopamos a Eva de volta en Muros coidando de seu pai e traballando no supermercado que abriron no mesmo local que ocupaba a sala de festas. Antonio segue en Canarias. Álex acaba de rematar un máster de cine en Barcelona e viaxa a Muros para facer o seu primeiro documental. Unha película sobre os seus pais, sobre a distancia que as súas vidas abriron entre aquel paraíso e este supermercado, un retrato do desarraigo vital de toda unha xeración. Eroski Paraíso é o título que lle puxo á súa película.

A concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, convida a toda a veciñanza a desfrutar dun espectáculo único que conta con sobretítulos proxectados que están adaptados para persoas xordas ou con problemas de audición.

http://redenasa.tv/es/axenda/evento/eroski-paraiso/

En colaboración con AGADIC achegaránse ata o auditorio de Ponteareas o día 15 de abril Contraproducións S.L con “O tolleito de Inishmaan”, Fran Siera compañía de danza o vindeiro día 6 de maio con “Entresoños”, Culturactiva-Falar sen Cancelas o 13 de maio e A Panadería-Elisa e Marcela o 29 de junio.