Chega unha nova edición de AndaGuláns, a ruta dos 20 muíños   

 

 

Celebrarase o vindeiro 20 de marzo cunha etapa de 12 e outra de 25 km, con visita a catro muíños en funcionamento e degustación de pan de millo

 

As persoas interesadas poderán inscribirse ata o vindeiro mércores 16 a través da web 25km.es

 

Chega unha nova edición de AndaGuláns, a ruta dos 20 muíños   A parroquia de Guláns prepárase para unha nova edición da súa andaina máis recoñecida. A Asociación Artística e Cultural de Guláns en colaboración co Club de Montaña Xistra e coa Federación Galega de Montañismo e co apoio do Concello de Ponteareas organiza a VI Andaina de Guláns, AndaGuláns o vindeiro domingo 20 de marzo.

 

Serán dous percorridos, un de 25 quilómetros de distancia e outro de 12 km, nos que as persoas participantes pasarán por sendeiros, pistas forestais, cortalumes, sendeiros de cultivo e 20 muíños en diferente estado de conservación. “Convidamos a toda a veciñanza a participar nesta andaina que nos permitirá coñecer un pouco máis a parroquia de Guláns e o seu patrimonio, gozar dun día na natureza e da propia gastronomía da zona”, explicou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, durante a presentación da andaina este venres.

 

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, salientou que se trata “dunha andaina apta para todos os públicos na súa versión curta, o que a converte nunha actividade perfecta para gozar en familia dun día en contacto coa natureza e a historia da parroquia na compaña dos propios veciños e veciñas”.

 

Durante a ruta as persoas participantes pasarán por catro muíños aínda en funcionamento, no que poderán velos moendo e “familiarizarse con ese cheiro a fariña que o impregna todo”, destacan dende a organización. O percorrido, apto para todos os públicos, terá unha parte didáctica, degustación de pan de millo recentemente feito nalgún dos muíños e viño de Guláns no final. A xornada rematará cun xantar popular con callos, empanada e roscón.

 

O punto de encontro para a saída será a Asociación Artística e Cultural de Guláns ás 09.00 horas para as persoas que fagan o percorrido longo e ás 10.00 h para as que opten polo curto. O percorrido longo forma parte da Copa Galega de Andainas de 25km 2022, polo que tamén terá unha parte competitiva.

 

Haberá un límite de 300 prazas para participar na andaina. As persoas interesadas deberán inscribirse antes do mércores 16 de marzo ás 23.59 horas a través da web de 25KM.