O CEIP Santiago de Oliveira exporá o proxecto “O Patio que queremos” na I Bienal de Arquitectura Xuvenil (LUDANTIA)

A concellería de Ensino, que dirixe a nacionalista Cristina Fernández, felicita ao CEIP Santiago de Oliveira que resultou seleccionado pola I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura (Ludantia) para a exposición que terá lugar en Pontevedra do 10 ao 17 de maio. Sendo este Colexio un dos dous escollidos de toda Galicia.

Dentro da liña de actuación da Concellería de Ensino, está a de ofertar aos Centros Educativos programas e proxectos que conten coa participación infantil e xuvenil, seguindo a experiencia adquirida a través da Rede das Cidades das Nenas e dos Nenos inspirada por Francesco Tonucci, facendo de Ponteareas unha cidade da Infancia. 

Deste xeito, Cristina Fernández, propuxo o pasado curso escolar aos Colexios e IES presentar un proxecto nesta Bienal, para o que o Concello facilitou profesionais da Arte e da Arquitectura para asesorar ao alumnado participante, así como o seu claro compromiso de levar as actuacións necesarias a medio prazo para facer realidade o deseñado por eles.

Entre máis de oitenta proxectos de todo o mundo presentados a esta I Bienal, o Santiago de Oliveira resultou ser un dos seis seleccionados para expor en Pontevedra.

A concelleira afirma que “é unha satisfacción apoiar e desenvolver proxectos nos que os protagonistas e creadores son o propio alumnado e a comunidade educativa facendo así que sexan parte activa e responsable do futuro de Ponteareas”.

O comité científico da I Bienal decidíu premiar ademais os proxectos de Santiago Atrio (vicereitor do Campus e Sostibilidade da UAM e director da escola en Arquitectura Educativa da UAM); a Ángela Million Uttke da Asociación JAS e profesora da Universidade Técnica de Berlín; Marta Morelli do departamento de Educación do Museo Nazionale delle Arti del XXI Secolo de Roma, Italia; Jaana Räsänen do Centro de Información de Arquitectura de Finlandia, Helsinki; e Pablo Rojas xefe do departamento de Educación do Ministerio de Cultura, as Artes e o Patrimonio de Chile.

O proxecto “O patio que queremos” foi seleccionado pola súa reflexión crítica sobre o espazo escolar, pola transformación física dos espazos por parte dos estudantes a través de linguaxes artísticos, polo proceso de educación e creativo (investigación, formulación, revisión e obra), pola súa orixinalidade e pola calidade da documentación presentada. 

A I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para nenos e mozos reuniu ao redor de 80 proxectos participantes de 18 países: Arxentina, Brasil, Bulgaria, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, España, Francia, Guatemala, México, Perú, Portugal, Checa República, República Dominicana, Romanía, Suecia e Venezuela.

O alumnado de sexto e primeiro de primaria do CEIP Santiago de Oliveira guiados polos seus profesores Elisabeth Pregal, Almudena Doallo e Xabier Gómez presentaron “O Patio que Queremos” desenvolvendo un complexo planeamento que reconvertirá o seu patio escolar nun lugar que acolla unha pista de patinaxe, unha xona de graffitis, un observatorio de aves, unha pista de baile con espellos e unha barra para estiramentos, un merendeiro, un rocódromo, unha zona de cabanas para lectura e un espazo de descanso con bancos, todo protexido cunha rede que evite que cheguen os balóns de fútbol.