A Casa Cultural de Areas celebrará este domingo unha nova edición da Festa do Polo á Brasa e do Festival Folclórico

O domingo, 23 de agosto  na parroquia de Areas terá lugar a XVI Festa do polo á brasa no Parque da Bouza Vella en Ganade.

Dende primeiras horas da mañá estarán en marcha as brasas para preparar os suculentos Polos que dan nome á festa. Nela colaboran 70 veciños e amigos para que a organización sexa o máis axeitada posible; eles representan a alma dun evento destas características.

Tamén se poden degustar Empanada de Polo e de sobremesa rosquillas ou xeados, sen esquecer o prezado café.  A presos  populares, podendo facer diferentes combinacións das que se informará no mostrador de venda de boletos.

Ás 12:00 horas comezarán as actividades co desfile dos grupos participantes no Festival Folclórico polo recinto do evento, coa presenza da Banda de Gaitas “Tarabelo” do C.C.R. de Chapela, as Pandereteiras “Tolerías” da Casa Cultural de Areas e o Grupo Folclórico da Casa Cultural de Areas.

Seguidamente  procederase á lectura do Pregón, que terá como fondo a solidariedade coas persoas que padecen enfermidades de difícil diagnóstico.

Ao rematar, o coñecido  grupo musical, dúo Estelar, amenizará a actividade para que non falte o baile e a diversión que axude a dixestión dos asistentes.

Eladio Sousa, presidente da casa Cultural de areas, anima a todos os veciños e veciñas de Ponteareas a participar nesta festa que pola súa traxectoria se está a converter por méritos propios nun referente das festas gastronómicas de Galiza. Engade que o recinto estará cuberto con carpas e poderase comer en mesas con asentos así como en calquera outra area do Parque, que conta con mesas, sombra, parque infantil, servizos e aparcamento. En exclusiva para os participantes da Festa non estando permitido a comida nin bebida externa ao recinto.

Desde a directiva queren expresar o agradecemento a Comunidade de Montes de Areas e ao Concello de Ponteareas pola colaboración neste evento, e sobre todo as decenas de voluntarios e voluntarias que durante varios días se afanan para que cada ano esta festa sexa un éxito