O Concello de Ponteareas presentou o seu Calendario Galego para o ano 2018 con fotografías aéreas inéditas e instantáneas que renden homanaxe aos río Tea e Uma e as paisaxes ponteareás.
3.500 exemplares que serán distribuídos entre a veciñanza e os colectivos que se acheguen ata o Concello para recollelo. Con imaxes dos fotógrafos locais Emilio Rodríguez e Foto Souto e o deseño da empresa Acero Plus este almanaque cento por cento ponteareán recolle fotografías aéreas tanto do centro urbano como das parroquias e percorre os cursos dos ríos Tea e Uma ao longo do territorio municipal para captar estampas tan sorprendentes como a illa da Freixa ou a imaxe das illas Cíes vistas desde o Galleiro.
Feito da man de empresas e emprendedores locais pretende pór en valor o patrimonio natural e destacar a importancia dos ríos e da auga para a vida.
O grupo de goberno recibíu onte no salón de plenos aos veciños e veciñas que quixeron achegarse para ver o vídeo de presentación do calendario galego e recoller este agasallo de Nadal. O goberno local tivo palabras de agradecemento para toda a cidadanía de Ponteareas polo esforzo realizado este ano conseguindo rematar coas grandes débedas históricas e pola súa valentía apagando os lumes que arrasaron os montes e puxeron en perigo as vivendas.