A Banda de Música Xuvenil de Xinzo clausurará este domingo en Ponteareas a Exposición “Bandas de Pontevedra. Homenaxe ás bandas da provincia”.

Banda 1915O vindeiro domingo, día  22 de febreiro, ás 19:00 h  terá lugar no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas a clausura da exposición itinerante “Bandas de Pontevedra. Homenaxe ás bandas da provincia”, organizada pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponteareas.  O acto de clausura contará co concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, ás 19:00 horas no citado auditorio, lugar onde numerosos os veciños se achegaron para contemplar esta exposición na que figuran, entre outras, a Banda Xuvenil de Xinzo ou a Banda “Unión de Guláns”, esta última a encargada do concerto inaugural o día 24 de xaneiro.

Esta exposición, comisariada por Xaime Estévez Vila e Ana Costas Carbajal, ten como obxectivo seguir potenciando en todo o posible o labor das bandas de música en Galicia e en Pontevedra, poñendo en valor e difundindo esta realidade máis alá dos que xa a cotío están interesados nela, achegándoa a todo tipo de público. Conta coa colaboración de numerosas personalidades da cultura que teñen investigado en torno ao fenómeno que supoñen as bandas na nosa provincia como Sergio Noche, Paz Antón, Nuria Barros, Luis Costa, Enrique Lorenzo Vila, Alejo Amoedo, Javier Jurado e o ponteareán Rogelio Groba.

A través desta exposición faise un percorrido por distintas cuestións, entre as que se poden salientar o papel actual das mulleres na música ou a función educativa e cultural das bandas. Ao mesmo tempo, o visitante pode coñecer anécdotas e curiosidades sobre estas agrupacións na provincia, como a cantidade de profesionais e estudantes implicados, os concellos que máis bandas teñen, os que nunca tiveron ningunha, as diferentes composicións das bandas atendendo a idades, nivel de estudos, así como as  primeiras gravacións editadas.

O Concello de Ponteareas valora moi positivamente esta iniciativa da Deputación Provincial de Pontevedra, que tivo un grande apoio por parte dos veciños de Ponteareas e arredores que se achegaron a contemplar a devandita exposición en Ponteareas, como non podía ser doutro xeito xa que a vila do Tea é historicamente unha vila que sinte a música e é berce de grandes músicos e de grandes bandas, contando na actualidades con tres bandas, a Banda de Música “Unión de Guláns”, a Banda Xuvenil de Xinzo ou a Banda de Música Reveriano Soutullo.