A Banda de Gaitas Tremiñado festexará o seu decimo oitavo aniversario

A única banda de gaitas de Ponteareas organiza o festival o vindeiro sábado 19 no auditorio municipal

O Festival do décimo oitavo aniversario da Banda de Gaitas Tremiñado terá lugar o vindeiro 19 de novembro no Auditorio Municipal, a partir das 19.00 horas. Para abrir as actuacións estará o grupo de música tradicional Bouzavella e para pór o ramo estará a banda de gaitas local homónima.

q55a3570

Antonio Gutiérrez, director e presidente da asociación Tremiñado lembra o fin que os levou a crear a banda nos comezos: “En 1998, fundámola para reagrupar a diverso alumnado co fin de impartir aulas de percusión e gaita e darlle unha saída ao potencial creador da nosa cultura. Está a ser unha andaina frutífera e cabe lembrar que sempre traballamos de xeito voluntario. Neste senso, agradecemos o apoio decidido na actualidade desde o ao Concello e o departamento de Cultura á nosa actividade.”, sinala o director da Banda de Gaitas Tremiñado.

Tras dezaoito anos, mostra do enorme e bo traballo sen ánimo de lucro, ao ensino da instrumentos tradicionais sumáronse as aulas de baile galego e canto tradicional, con dous mestres especializados ao cargo das correspondentes leccións. A escola da Banda de Gaitas conta con cerca de 40 alumnos nestes intres. “Estamos abertos sempre á inscrición de novo alumnado, sen prazos.”, incide Gutiérrez.” Aquelas interesadas e interesados poden dirixirse ao teléfono 607 797 916 para máis información ao respecto.

A concelleira de Cultura e Lecer, Hortensia Bautista, resalta “a necesidade de apoiar a actividade de colectivos que traballan dende a base como é o exemplo da Banda de Gaitas Tremiñado. Fai unha labor de difusión ardua na promoción do noso folclore. É un orgullo contar cunha banda formada por xente moza, xente activa, cunha calidade musical contrastada”.