Bádminton solidario no pavillón Álvaro Pino

O Club Bádminton Ponteareas en colaboración co Concello de Ponteareas, organiza este vindeiro domingo 17 de Decembro o I TORNEO SOLIDARIO DE BÁDMINTON.

O Club Bádminton amosa o seu lado máis solidario e convida a toda a veciñanza a participar coa achega de axuda nesta iniciativa pioneira na provincia de Pontevedra ao ser o primeiro torneo solidario de bádminton.

Co obxectivo de concienciar, sobre todo á mocidade,  da importancia de axudar aos que máis o necesitan, fixan unha cita con todos os veciños e veciñas no pavillón Álvaro Pino de Ponteareas desde 9:30h ata as 13:30h aproximadamente.

Preto de 100 deportistas de diferentes centros educativos da zona do Condado, A Paradanta, Vigo e Valmiñor veránse as caras na pista.

A inscrición é aberta e gratuita e tan so deben achegar un produto de comida non perecedeira. O público en xeral e todos e todas aquelas que o desexen poden achegarse ata o pavillón para aportar o seu gran de area. Os produtos recadados serán doados íntegramente ao CENTRO DE REPARTO DE ALIMENTOS da Concellería de Servizos Socias do Concello de Ponteareas.

Os e as interesadas en asistir deben ter coñecementos básicos de bádminton, ter entre 8 a 18 anos e poderán inscribirse a través do correo electrónico  cbponteareas@yahoo.es ou 609927471.

 

O concelleiro de Deportes, Benito Fernández, felicita ao club pola súa iniciativa e anima a veciñas e veciños a asistir a este evento solidario que ten o fin de axudar aos máis desfavorecidos nestas datas tan sinaladas do Nadal.