Atención creadoras/es! Aberto o prazo para o concurso de deseño do cartel de Corpus

foto de arquivo do concurso de cartel da edición do 2019

A concellería de Eventos convidou a participar ás universidades e centro formativos oficiais relacionados co deseño

O goberno de Ponteareas comeza os preparativos das vindeiras festas do Corpus e da un paso máis na promoción e no recoñecemento destas festas, das súas alfombras florais e das súas xentes ao convidar ás facultades de Belas Artes e a de Publicidade e Comunicación Audiovisual así como aos centros formativos oficiais relacionadas co deseño a participar no IV Concurso do Cartel do Corpus. 

A concellería de Eventos, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, fixo públicas as bases do concurso do cartel da vindeira edición das festas de Corpus, que terán lugar o 13 e 14 de xuño, coa finalidade de involucrar a persoas individuais ou colectivos no deseño do cartaz oficial da festa. 

O concurso será aberto e poderán participar calquera persoa física maior de 18 anos, cun máximo dunha obra de creación propia, orixinal e inédita de técnica libre. 

Todos os carteis deberán estar relacionados coa festividade do Corpus Christi e as alfombras de flores que se realizan con motivo desta festividade. A temática estará relacionada coa xente, materiais, trazados, deseños, etc. relacionados coa festividade e con Ponteareas.

As propostas poderán presentarse ata o día 26 de novembro (incluído). As bases poderán consultarse na páxina web do concello na pestaña Cultura “bases” ou premendo na seguinte ligazón https://ponteareas.gal/servizos/cultura/bases-cultura/

Os traballos deberán ser presentados no rexistro da Casa do Concello de luns a venres de 9 a 14 horas.

Cristina Fernández será a presidenta do xurado e o resto do xurado serán profesionais do mundo do deseño, o debuxo ou as belas artes tendo en conta as suxestións dos e das alfombristas. 

A temática, o mellor deseño gráfico, a calidade técnica e a artística, o impacto visual, a creatividade ou a orixinalidade no deseño serán os aspectos que o xurado valorará. 

O concurso dotarase dun premio único por valor de mil euros.