Ata o 3 de setembro estará aberto o prazo para presentarse á II edición do Premio “Ponteareas, Lingua e Empresa”

As Concellarías de Lingua e Promoción Económica do Concello de Ponteareas informan que ata o 3 de setembro estará aberto o prazo para presentarse á II edición do Premio “Ponteareas, Lingua e Empresa” que ten como obxectivo recoñecer as empresas que usan a lingua galega na actividade económica.

“Normalizar o uso da lingua galega a nivel profesional e promover o seu emprego na actividade económica así como estender o seu uso nas relacións laborais, comerciais e empresariais, e recoñecer publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego desde este sector son as premisas deste recoñecemento. Este premio ten a intención de visibilizar o compromiso coa lingua do tecido empresarial pero tamén co ánimo de premialas e incentivar a novas empresas ao uso do galego na súa actividade e nas súas relacións coa clientela”, indica Fernando Groba, concelleiro de Lingua”.

Poderán ser candidatas a estes premios as empresas, autónomos, profesionais ou outro tipo de negocio, así como as persoas que destacasen ou destaquen polo uso do galego na actividade económica e que teñan a súa sede social ou un centro de actividade económica no concello de Ponteareas. Poderán presentar directamente a súa candidatura, na que se xustifiquen os méritos cos que conten.

Ademais, calquera persoa ou entidade poderá presentar proposta de candidatura a favor de empresas, autónomos, profesionais, outros negocios ou persoas que destacasen ou destaquen polo uso do galego na actividade económica e que teñan a súa sede social ou un centro de actividade económica no concello de Ponteareas.

Este premio consta de tres categorías: traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas, uso continuado da lingua galega e incorporación recente ao uso da lingua galega.

As bases e ficha de presentación de candidaturas pódese descargar da páxina web www.ponteareas.gal no apartado “bases cultura” ou premendo directamente aquí https://ponteareas.gal/servizos/cultura/bases-cultura/