As Meninas percorren a área metropolitana

sdr

A concellería de Ensino e Participación Cidadá que dirixe Cristina Fernández abre fronteiras para que as trinta Meninas realizadas por colectivos e centros de ensino de toda a área metropolitana expoñan a súa beleza e creatividade nos diferentes concellos veciños. 

Organizadas por quendas, as Meninas visitarán os concellos de Mondariz, Mondariz Balneario, Salceda, Covelo, As Neves, A Cañiza e O Porriño. En Ponteareas estarán para engalanar a nosa prezada festa dos Remedios

Grazas a colaboración do concello de Mondariz, esta semana as Meninas de Ponteareas estarán ata o 18 de xuño expostas na praza de abastos, no centro social, no concello e na biblioteca para que todos e todas as veciñas poidan desfrutar destas obras de arte realizadas na súa maior parte con materiais de refugallo.

O Alcalde de Mondariz, Juan Carlos Montes, salienta a beleza das pezas e felicita á concelleira de Ensino por esta iniciativa que crece, ano tras ano, permitindo agora que o resto dos concellos da contorna poidan non so desfrutala se non tamén ser partícipes de xeito activo como no caso do CEIP de Mondariz que aportou unha singular e orixinal Menina atrapada nunha botella. 

O proxecto “Flores para as Meninas” creado pola profesora Pilar Gallego e dirixido dende a concellería de Ensino de Ponteareas, contouse coa colaboración de toda a comunidade educativa e distintos colectivos que agasallaron estas pezas para que logo puideran ser patrocinadas e donados os cartos conseguidos a unha entidade sen ánimo de lucro que este ano foi a asociación Avelaíña de axuda a persoas con enfermidades mentais.

Este traballo en equipo, exemplo de participación e xenerosidade, pon o seu punto final con esta exposición itinerante que retornará a Ponteareas a finais do mes de setembro para ser entregadas aos seus patrocinadores que altruistamente as ceden para ser amosadas ao grande público.