As familias de San Mateo reclaman en Santiago a necesidade de manter aberta a escola unitaria

A concelleira de Ensino e Participación Cidadá, Cristina Fernández, lamenta a actitude da Xunta de Galicia e da conselleira de Educación, Carmen Pomar, ao non dispor de tempo nin para responder aos escritos enviados polo concello nin á solicitude de reunións nin recibilos hoxe cando se concentraban diante da Xunta en San Caetano, Santiago de Compostela, para esixir que se manteña aberta a escola de San Mateo ao ter máis do mínimo de matrícula esixido.

Cristina Fernández asegura que a día de hoxe hai alumnado suficiente como para cumprir o mínimo de matrícula e que na parroquia hai un incremento da natalidade, motivo polo que a escola unitaria de San Mateo debe seguir aberta para garantir este servizo básico na parroquia e non deslocalizar aos cativos e cativas da zona.

Apoidos pola concelleira de Ensino, polo concelleiro de Deportes, Benito Márquez, e por todos os colectivos da parroquia, polas ANPAS Galegas e pola FANPO as nais e pais de San Mateo concentráronse hoxe diante da consellería coa esperanza de manter un encontro coa conselleira Carmen Pomar e que a Xunta entenda que a escola de San Mateo segue viva e ten futuro.

A concelleira de Ensino adianta que seguirán apoiando as reivindicacións das familias da escola unitaria de San Mateo que, seguindo as conversas mantidas nas primeiras reunións coa delegación de Educación, conseguiron o mínimo de alumnado e mesmo superaron a cifra.