As alumnas de Sociosanitaria poñen en práctica os seus coñecementos

As alumnas do módulo de atención sociosanitaria do Obradoiro Compromiso Social III realizan as súas prácticas na residencia de maiores Santa Ana e no servizo de atención a domicilio aplicando os coñecementos adquiridos ao longo do curso.

Auxiliares e amigas, as alumnas do módulo de sociosanitaria non só colaboran nas tarefas de aseo diario, lavandería ou comedor, son ademais as compañeiras do tempo de lecer animando e motivando aos residentes de Santa Ana aportando a súa ilusión e gañas de facer equipo. 

Repartidas en grupos de cinco, as alumnas deste obradoiro financiando pola Xunta de Galicia e cunha duración de nove meses, desempeñan as súas labores nos fogares e outras na residencia. A diario supoñen un apoio para as traballadoras e os traballadores tanto da residencia como da atención á domicilio ao mesmo tempo que completan a súa formación.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, Verónica Carrera, recoñece a labor desenvolta por estas mulleres que nestes meses dan apoio ao traballo desenvolto a diario polo resto das traballadoras e traballadores municipais, dinamizado ademais o día a día dos beneficiarios e beneficiarias do servizo. 

O Alcalde de Ponteareas, o nacionalista Xosé Represas, salienta a importancia de completar a formación con clases prácticas na que se aplican os coñecementos e nas que o alumnado aporta a súa pegada persoal. “Este obradoiro cumpre así os seus obxectivos, completan a formación con prácticas e ao mesmo tempo ofrecen un retorno e un aporte á sociedade desempeñando o seu traballo no tempo correspondente ás prácticas”.

As alumnas realizan ademais, actividades de percepción, atención, memoria, recuperación de cantigas populares… e moitas outras tarefas do día a día como o horto co que contarán nos vindeiros días e que terán que coidar os usuarios e usuarias. 

As propias alumnas realizan algunhas das ferramentas que son empregadas nas actividades reciclando materiais. Estes obradoiros contribúen a crear traballadores e traballadoras autosuficientes capaces de afrontar os traballos tanto dende a técnica como dende a creatividade atopando a aportación social que deixa cada traballo realizado.