As alfombras florais de Corpus manteñen a Ponteareas no top ten das festas máis afamadas

Á espera de cifras oficias, o goberno de Ponteareas quere agradecer a todos os que fixeron posible esta nova edición das festas do Corpus. “Alfombristas, hostaleiros, traballadores municipais, comerciantes, delegacións internacionais, medios de comunicación e veciñanza en xeral conseguiron que este ano se mantiveran as cifras do ano pasado en canto a afluencia de público”, adianta o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas Giráldez, unha vez consultados os rexistros das oficinas de turismo instaladas en distintos puntos do concello e tras as conversas mantidas con hostaleiros e comerciantes da vila.

A chuvia non puido apagar o brillo das nosas alfombras florais que unha vez posicionaron as festas do Corpus de Ponteareas no top ten das festas máis destacadas de Galicia.

Visitantes de toda Galicia, de Portugal e do resto do estado español ateigaron as rúas de Ponteareas e distintos medios de comunicación cubriron as distintas actividades para informativos e magacines de alcance estatal.

Os e as nosas alfombristas deixaron o seu testumuño nas diferentes entrevistas e reportaxes de prensa, radio e televisión levando o nome de Ponteareas ás canles de caracter estatal e mesmo nas súas emisións internacionais.

Catro cámaras webs permitiron que dende calquera punto do mundo se puidera desfrutar dalgúns dos nosos tramos alfombrados que se amosaron vía dixital dende a web do concello.

Ao igual que o ano pasado, destácase a grande afluencia de público de Portugal que acudíu de xeito individual e tamén organizados en autobuses.

Ademais, visitantes de toda a área metropolitana achegáronse a divertirse co paso das carrozas etnográficas dos veciños e veciñas e da animación de rúa que acompañou non só ás carrozas se non aos e as alfombristas durante esta última semana.

A concellería de Cultura que dirixe Fernando Groba destaca a participación por décimo ano consecutivo dos alfombristas de Monçao e a visita da delegación de alfombristas mexicano de La Octava Noche que confeccionaron na Praza Maior unha alfombra de 14 por 7 metros e que quixeron arroupar coa súa presenza cada acto organizado polo concello.

Pola súa parte, Cristina Fernández, responsable dos eventos municipais quere agradecer a implicación de todo o persoal, de voluntarios, alfombristas e delegacións internacionais facendo posible que esta última edición mantivera o listón nas cotas máis altas, ademais do apoio da Deputación de Pontevedra, de Turgalicia e da entidade financieira ABANCA.