As alegacións presentadas sobre os edificios “fóra de ordenación” foron estimadas polo equipo redactor do PXOM

IMG_6506O equipo redactor do PXOM do Concello de Ponteareas resolveu de forma satisfactoria e favorable a revisión das ordenanzas no que fai referencia á problemática xerada na intrerpretación do réxime de “fóra de ordenación”, no que quedaran algunhas edificacións coa aprobación inicial do plan e que  maior número de alegacións suscitou, máis de 1.000, no período de exposición ao público.

O texto normativo analizouse e revisouse, facéndose os axustes necesarios para garantir que todas as edificacións existentes que dispoñen de licenza antes da aprobación do PXOM, adaptándose a ela, serán compatibles co planeamento e, consecuentemente, non estarán sometidas ao réxime de fóra de ordenación. Polo tanto, estas edificacións son totalmente conformes coa legalidade vixente para os efectos de valoración do inmoble, os rexistrais ou os hipotecarios, resolvéndose, pois, unha das cuestións máis demandadas polas comunidades de veciños de edificios. Ademais, foi modificada a cartografía, recollendo os edificios que teñen alturas maiores para especificar que son compatibles co planeamento.

O goberno local maniféstase moi satisfeito pola estimación favorable destas alegacións que afectaba a numerosos edificios do casco urbano e que serán compatibles co novo planeamento ao considerarse homologables co modelo territorial proposto. Así mesmo, sinálase que, previsiblemente, o documento, cos seus informes sectoriais favorables, estará disposto para a súa aprobación provisional  en varias semanas.