As actividades do programa Mocidade Viva sumaron preto dun milleiro de asistentes neste verán

A concellaría de Mocidade, que dirixe Miguel Bouzó, fixo balance das actividades desenvolvidas durante este verán en Ponteareas no marco do programa Mocidade Viva.

 

Miguel Bouzó valorou moi positivamente o alcance do programa, salientando que “preto dun milleiro de asistentes puideron gozar da ampla e variada oferta de actividades programadas para as mozas e mozos tendo en conta as súas opinións e demandas”.

Os espazos ao aire libre como as prazas e parques da vila foron o escenario de máis de quince actividades que se desenvolveron cumprindo as medidas sanitarias vixentes e realizando saídas escalonadas e quendas. Modalidades de cultura urbana, cine ou actividades novidosas na vila como a orientación nocturna e o sendeyak foron as que máis atraeron ás mozas e aos mozos. O concelleiro de Mocidade indicou que as accións seguiron o seu obxectivo de “ofrecer á mocidade espazos de socialización seguros e saudables para o lecer e a formación nun momento de grandes incertezas como o que estamos atravesando, no que as opcións de lecer xuvenil se ven constantemente minguadas.“

O concelleiro quixo agradecer novamente o traballo levado a cabo voluntariamente polas dinamizadoras xuvenís no desenvolvemento e planificación desta programación durante o verán, lembrando que “dende o Concello facilitamos a formación en materia de lecer alternativo e saudable dun grupo de mozas e mozos no pasado mes de febreiro, e agora coa súa implicación nestas actividades esa formación reverte en beneficio do conxunto da mocidade ponteareá”.

Miguel Bouzó adiantou que o programa Mocidade Viva, estable durante todo o ano, “continuará neste outono ofrecendo diversas actividades lúdicas e formativas, así como espazos nos que a mocidade poida desenvolver libremente as súas inquedanzas”. Neste sentido, este sábado ás 21h celebrarase unha sesión de patinaxe libre, na que cada moza ou mozo poderá gozar libremente cos seus patíns no Complexo Deportivo Álvaro Pino, sempre mantendo as distancias de seguridade e medidas sanitarias.