As actividades do programa Mocidade Viva continúan animando as noites de verán da mocidade en Ponteareas

Este martes ás 21:00 horas a Praza Maior acollerá unha xornada adicada a aprender e desfrutar do bádminton

O próximo mércores os mozos e mozas de Ponteareas terán que buscar un tesouro nas instalacións do IES Val do Tea

O programa Mocidade Viva continúa amenizando as noites dos mozos e mozas de Ponteareas durante este verán. Este martes ás 21:00 horas a Praza Maior acollerá unha xornada adicada a gozar do bádminton, unha actividade que, segundo explica o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, ten o obxectivo de “achegar os rapaces e rapazas á vida saudable e a un deporte que cada vez ten máis tradición en Ponteareas”. 

O mércores ás 21.00 horas o IES Val do Tea será o escenario da xincana “Operación Camarón”, converténdose nun lugar onde os rapaces e rapazas deberán formar grupos e demostrar a súa destreza ata obter o tesouro final: un prezado camarón. Para logralo, deberán superar unha serie de probas con habilidade, procurando non caer nas trampas que lle dificultarán chegar ata o desenlace.

 

Os grupos poden estar formados por entre 4 e 6 persoas, de entre 12 e 30 anos. As prazas son limitadas, e a inscrición pode realizarse no enderezo electrónico mocidadeviva@ponteareas.gal. As persoas que non teñan grupo poden inscribirse individualmente, a organización combinará os  grupos para que poida participar.

 

O programa Mocidade Viva é, para Miguel Bouzó, unha clara mostra de que se poden realizar actividades alternativas, saudables e de xeito seguro destinadas ás mozas e mozos. Así mesmo, o concelleiro quixo destacar o “gran traballo que levan a cabo as dinamizadoras xuvenís”, un grupo de voluntarias e voluntarios que recibiron unha formación en lecer alternativo e saudable facilitada polo Concello. 

 

Ademais, puxo en valor “o labor do grupo de monitores e monitoras que temos en prácticas, que se encarga da planificación e execución dalgunhas destas actividades tras realizaren o curso de monitor/a de actividades de tempo libre subvencionado polo Concello. Esta formación foi proposta pola goberno local para ofrecer á mocidade formación complementaria e facilitar o seu acceso ao mercado laboral”,conclúe.