Arrincou o III Festival Internacional de Teatro de Rúa en Ponteareas… hoxe, máis diversión!

Éxito de participación nos espectáculos itinerantes polas rúas e prazas da vila

A concellería de Eventos, que dirixe a alcaldesa en funcións Cristina F. Davila, inaugurou onte a terceira edición do Festival Internacional de Teatro de Rúa que comezou ás 19 horas nos xardíns do Concello.

Respectando todas as recomendacións e normas de seguridade sanitarias e de distanciamento, o concello de Ponteareas gozou dunha terceira edición deste tan afamado festival de teatro de rúa colgando novamente o cartel de “completo”.

Grazas á colaboración cidadá desenvolvéronse con seguridade as actividades programadas tanto nas rúas como nas prazas que se transformaron por terceiro ano consecutivo en escenarios cheos de maxia e ilusión.

O pistoletazo de saída deuno a “A Gran Familia” dos cataláns Fadunito que percorreu a praza Bugallal, rúa Oriente e praza Maior. Tamén actuou na praza Maior Cé Orquestra Pantasma e a “A Gran Familia” fixo un segundo pase en República Arxentina e Fernández Vega.

Hoxe xoves día 6 ás 19:00 horas as prazas de Ponteareas Cidade volverán ser escenario dos cataláns e da súa “Gran Familia” que percorrerá tamén o Paseo Matutino, Rogelio Groba, praza Bugallal, Vidales Tomé, Emilio Rodríguez e rematará na Feira Vella. Ás 19:30 horas na Feira Vella actuará o belga Rudy Dudy que nos achegará o mellor do circo co seu espectáculo “Rastafarudi”. Ás 20:30 horas na Feira Vella voltará o espectáculo de Fadunito para percorrer o Paseo Matutino, Rogelio Groba, Concha Brey, Rosalía de Castro, Redondela e Parque das Pombas.

Mañá venres día 7 chega o momento de disfrazarse de pitiño ou galiña ou do animal que máis gosten para participar no “Paseo dos pitiños” de Biringucho. Ponteareas converterase nun gran poleiro máxico da man de Mamá Galiña para percorrer Fernández Vega, Ramiro Sabell, Castelao e o Parque da Perillana. A charanga Alecríns alegrará tamén as rúas de Ponteareas neste percorrido. Ás 19:30 horas no parque da Perillana sesión de títeres coa compañía galego-cubana Cascanueces que nos agasallará con “Unha armadura con ferruxe”. Ás 20:30 no parque da Perillana volverá rexurdir “O Paseo dos Pitiños” para viaxar á rúa Braña, Fdez Vega, República Arxentina, Esperanza e praza Bugallal. Ás 21 horas o madrileño Máximo Óptimo presentará o espectáculo circense “Optimus” na praza Bugallal. Ás 22 horas na praza Bugallal actuará a charanga Alecríns.

O sábado día 8 ás 19 horas nos xardíns do Concello arranca “O Paseo dos Pitiños” e todos podemos volver disfrazarnos de galiñas ou poliños para chegar a Trovador Xoán García de Guillade, ao parque Ferro Ucha, ao Paseo Matutino e rematar na Feira Vella coa participación da charanga SDK. Ás 19:30 horas na Feira Vella volve Máximo Óptimo co seu circo “Óptimus” e ás 20:30 horas na Feira Vella teremos unha nova oportunidade de gozar co paseo de Biringucho.

O III Festival Internacional de Teatro de Rúa despedirase de Ponteareas ás 21 horas na praza Maior coa música de Paco Nogueiras e o seu espectáculo “Radio Bule Bule” que nos fará mover o esquelete.