Arrincou a cuarta edición da Feira do Libro de Ponteareas

Ata o domingo día 12 a praza Maior acollerá a sinatura de obras das e dos escritores de máis renome para asinar as súas obras

As librerías ofrecerán descontos do 10% en tódolos libros

 

A concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, convida a participar na cuarta edición da Feira do Libro que ten lugar na Praza Maior, organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Editores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra, Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia. A feira abríu hoxe as súas casetas ás 18:00 horas e ficará aberta ata o domingo, día 12, e contará coa presenza de algúns dos e das autoras máis destacadas do panorama literario galego contemporáneo. Este ano contaremos cun total de cinco casetas participantes.

 

As librarías Pedreira, Ledo, Terra, Cortizas e Milfollas ofrecerán nos seus stands descontos do 10 % en tódolos libros.

O escritor e ensaísta Clodio González encargouse da apertura oficial da feira hoxe ás 20 hora pero previamente, ás 18 horas Anémona del Río asinou A proba de auga e Manuel Portas Cadencias. Despois do pregón Francisco Castro asinou Tantos anos de silencio.

Mañá venres a feira abrirá de 13 a 21 horas coa seguinte programación: ás 13 horas Juan J. Prieto asinará a súa obra autoeditada La Sonrisa Eterna e ás 18 horas Manel Monteagudo asinará Camiño á lagoa dos bardos. Ás 19 horas César Lorenzo e Jorge Campos asinarán Atlas de Galicia Pequeniña e ás 20 horas será o turno de Pablo Prado con O derradeiro libro de Emma Olsen. A escritora e editora ponteareá Susana Lamela estará asinando a súa obra Invisibles ás 21 horas.

O sábado día 11 ás 18 horas Carlos da Aira asinará e presentará A guerra era contra nós e unha hora despois Nazaret López estará con Formigas nos pé. Ás 20 horas Isabel Blanco asinará o seu libro La muerte de Marilyn y otros relatos. Ás 21 horas o coñecido fotógrafo Xurxo Lobato asinará a súa obra Galicia é unha festa.

O domingo día 12 Elisabeth Oliveira será a encargada de comezar os actos ás 18 horas coa sinatura da súa obra Náufragos no mar e na terra da editorial Urutau.

Ás 19 horas Roi Vidal asina As máscaras brancas e ás 20 horas Inma López Silva con O libro da filla.

O escritor Manrique Fernández pechará a feira do libro coa sinatura do seu último libro Os anxos indecisos.

Tamén enmarcada na Feira do Libro terá lugar a presentación da versión teatralizada do libro de Alfonso Pexegueiro Illa das Mulleres Loucas, editado polo Concello de Ponteareas. Será o día 11 no auditorio municipal de Ponteareas.