Arredor de 125 nenos e nenas gozan xa dun verán cheo de actividades no Campus Tea e no Verán Rural

Arredor de 125 nenos e nenas gozan xa dun verán cheo de actividades no Campus Tea e no Verán Rural

 

Arranca un verán cheo de actividades e aventuras para os nenos e nenas de Ponteareas. Arredor de 125 cativos e cativas comezaron este xoves os campamentos organizados dende a Concellaría de Ensino, dependente da alcaldesa Cristina Fernández Davila, que buscan “ofertar unha alternativa lúdica e educativa que facilite a conciliación familiar e laboral”.

 

Arredor de 125 nenos e nenas gozan xa dun verán cheo de actividades no Campus Tea e no Verán RuralNesta primeira quenda 100 nenos e nenas aprenden xogando cada mañá co Campus Tea, que se desenvolve nas instalacións do colexio público Nosa Señora dos Remedios. Por outra banda, outros 23 cativos e cativas participan no Verán Rural, que nesta primeira quincena de xullo se está a desenvolver no Centro Cultural de Xinzo.

 

A través destes campamentos, o Concello promove actividades lúdicas e didácticas para ofrecer un tempo de lecer de calidade aos máis pequenos e pequenas. Combinando xogo e saídas didácticas con actividades creativas, culturais e de coñecemento, estes campamentos teñen por obxectivo espertar a curiosidade das e dos participantes, ampliar o seu coñecemento sobre a vila e a súa contorna a través dunha pedagoxía de lecer baseada na educación en igualdade, en hábitos de vida saudábeis e no respecto ao medio ambiente.