Arrancou a VI Semana das Ciencias con obradoiros para primaria e conferencias para a ESO

Arrancou a VI Semana das Ciencias con obradoiros para primaria e conferencias para a ESO

 

A alcaldesa e concelleira de Ensino destaca a alta implicación do alumnado

 

O director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, Juan Picos, ofrecerá mañá a conferencia “Incendios forestais de sexta xeración”

 

O enxeñeiro de Minas, David Patiño, estará ás 19:30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal para falar da biomasa como recurso enerxético

 

A sexta edición da Semana das Ciencias arrancou hoxe baixo o título “Sostibilidade e Cambio climático”. A alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández. Davila, abriu o programa de actividades visitando o CEIP Feliciano Barrera de Guláns onde ás dez da mañá o alumnado xogaba coas dimensións e a xeometría co profesor Xabier Prado. A media mañá a actividade trasladouse ao CEIP Santiago de Oliveira e ao longo da semana impartirase este obradoiro en todos os centros educativos de primaria.

 

Tamén en horario de mañá o alumnado do IES do Barral participou en “Ciencia e Poesía” e recitou poemas propios e do poeta Alfonso Pexegueiro, entre outros/as. A continuación o catedrático do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo, Pedro Pablo Gallego da Universidade de Vigo impartiu unha interesante e práctica conferencia na que o público puido aprender a importancia da tecnoloxía no desenvolvemento de técnicas e melloras para a nosa vida pero tamén os riscos. Os pros e os contras da transxenia foron explicados con claridade e sinxeleza e o alumnado do Barral puido conversar e consultar todas as súas dúbidas.

 

“Teño que felicitar a todo o alumnado participante nas actividades pola súa implicación e ganas de aprender, tamén ao profesorado por impulsar a participación e fomentar a curiosidade do alumnado”, comenta a alcaldesa.

Arrancou a VI Semana das Ciencias con obradoiros para primaria e conferencias para a ESO

 

O público en xeral tivo a ocasión de atoparse coa ciencia no ciclo de conferencias das tardes. A doutora arquitecta Patricia Muñiz expuxo o seu premiado proxecto “Vivendas prefabricadas en procesos de aloxamento de transición para refuxiados e desprazados internos”. “Desde o 2008 unha persoa cada segundo viuse obrigada a deixar o seu fogar e o cambio climático podería empuxar a outros 100 millóns de persoas á pobreza nos próximos 10 anos”, achegaba a doutora Muñiz Núñez durante a súa conferencia ,na que puidemos ver como a arquitectura ponse  ao servizo das necesidades sociais.

 

Ao longo desta semana haberá actividades específicas para alumnado de todas as idades, conferencias para o público en xeral, obradoiros, saídas didácticas, exposicións e seminarios para profesorado.

 

O Concello adianta que os obradoiros previstos para a tarde de mañá martes tense que adiar ante a previsión de choivas pero mantense de momento o obradoiro infantil do xoves 24 ás 17 horas na praza Maior, así como o resto da programación da Semana das Ciencias.

 

Mañá martes, o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, falará dos incendios forestais de sexta xeración ás 10:30 horas na sala multiúsos que volverá a acoller outra conferencias ás 19:30 co enxeñeiro da Universidade de Vigo David Patiño que exporá “A biomasa como recurso enerxético”.