Arranca a sexta edición do Festival Groba

dav

O concello de Ponteareas convida a toda a veciñanza a gozar da música clásica na sexta edición do Festival Groba. Unha ocasión única para escoitar aos mellores músicos do mundo no escenario do auditorio municipal de Ponteareas.

Para todos os públicos e completamente de balde, o Festival Groba ofrece ao público o privilexio de gozar das composicións do mestre Rogelio Groba da man dos mellores músicos do panorama tanto estatal como internacional. 

Este sábado día 18 a partir das 21 horas concerto inaugural co trompetista Pacho Flores seguido da actuación do Coro de Cámara de Pamplona acompañda da Orquestra de Cámara Galega. 

O domigo ás 11:30 horas concerto na residencia de maiores Santa Ana de Ponteareas e ás 21 horas concerto de cámara. Os violíns de Jiyoon Lee e Pablo Vidal, a viola de Alba González, o cello de Sandra Lied Haga, o piano de Yoonie Han e a trompeta de Pacho Flores encherán o escenario do auditorio.

A velada péchase co cuarteo con piano Opus 15 nºI en Do menor de Jiyoon Lee, Alba González, Sandra Lied Haga e Sandro D´onofrío.

Co apoio do concello de Ponteareas, da Deputación e da Consellería de Cultura, o Festival Groba tenta devolver toda a aportación que realizou ao mundo musical e cultural o mestre Rogelio Groba Groba constituíndo unha oportunidade única de gozar dos mellores intérpretes da música clásica.

Pero ademais, para o Alcalde de Ponteareas o festival Groba tamén serve para “promocionar e dar oportunidade aos novos talentos que nesta semana ademais de ofrecer concertos tamén aprenden dos mellores mestres da actualidade”.