Arquitectos e enxeñeiros precoces toman o salón de plenos do Concello de Ponteareas

O salón de plenos do Concello de Ponteareas converteuse por unhas horas nun estudo de arquitectura e enxeñería industrial no que os alumnos do IES do Barral desplegaron maquetas, planos, gráficos, ideas e, sobre todo, moita enerxía.
Estaban a pór enriba da mesa presidencial o seu proxecto “Camiños Escolares” que presentarán á I Bienal de Arquitectura Xuvenil (LUDANTIA). Acompañados polo Alcalde de Ponteareas, polo director do seu centro, pola Concelleira de Ensino e polo director do CEIP Ramiro Sabell que tamén participou no proxecto, os escolares trasladaron ao governo de Ponteareas os deseños e as obras necesarias para contar cun camiño que conecte os dous centros escolares co centro da vila e poder así, asistir ás clases en bicicleta ou mesmo a pé desfrutando dunha paisaxe natural.
Atenta dende o público, a Tenente de Alcalde e Concelleira de Vías e Obras, tomaba nota de todo o que estes enxeñeiros precoces estaban a prantexar.


Un grupo de trinta alumnos de entre primeiro de secundaria ata primeiro de bacharelato do IES do Barral e un grupo de cincuenta alumnos de cuarto de primaria do CEIP Ramiro Sabell traballaron durante o curso percorrendo o sendeiro que vai por detrás do instituto, observando a vexetación, analizando as barreiras arquitectónicas, anotando os obstáculos e salientando todos os elementos que fan da zona o lugar ideal para chegar ao centro da vila. Como se fosen un gabinete profesional, nas súas reunións de traballo foron aportando posibles solución ata configurar o que hoxe é a súa proposta para un camiño saúdable, seguro e agradable.
“A Concellería de Ensino, unha vez convocada esta Bienal, apostou dende o primeiro momento por esta iniciativa, convidando aos centros escolares de Ponteareas a participar na mesma, deseñando un camiño escolar, un espazo de lecer nos centros escolares ou rehabilitando un espazo público da vila nunha zona de recreo para a mocidade”, explica a Concelleira de Ensino Cristina Fernández.
Para levar adiante este proxecto era fundamental que as ideas, o traballo e o deseño foran do alumnado. E para conseguilo, a Concellería de Ensino puxo os medios para proporcionarlles asesoramento técnico a través dos profesionais da Arquitectura e da Arte, coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos.
Tamén participará na mesma bienal o CEIP Santiago de Oliveira que presentará a creación dun espazo de lecer no seu colexio.
O Alcalde de Ponteareas Xosé Represas, quixo agradecer o traballo e o esforzo realizado tanto por alumnos como polos profesores e as tres arquitectas que fixeron de asesoras, “este é un exemplo máis da participación cidadá, de facer de Ponteareas unha vila saúdable, respetuosa co medio ambiente e no que se integren todos os veciños, un exemplo de que o traballo conxunto é sempre positivo. Facer de Ponteareas unha vila para os maiores e para os pequenos, un hábitat saúdable que está na liña de tódalos esforzos que se integran nos nosos proxectos dos fondos FEDER”.