Aprobada no pleno a solicitude de adhesión ao Eixo Atlántico do Noroeste

O grupo de goberno do BNG-PSOE aprobou onte no pleno ordinario as contas xerais do exercizo 2019, que non recibiron ningunha alegación, e que permitiron o despegue de Ponteareas e o comezo das grandes obras que cambiarán a cidade para revalorizala. As contas, que supuxeron un investimento na mellora de Ponteareas de preto de vinte millóns de euros, foron aprobadas cos votos en contra do Partido Popular e a abstención de ACIP a pesar de non ter presentado en tempo ningunha alegación.

Por unanimidade da Corporación , aprobouse a solicitude de adhesión ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular que promove, entre outros aspectos, o desenvolvemento e da cohesión económica, social e cultural das 40 cidades que conforman a asociación. As atividades do Eixo Atlántico agrúpanse en catro grandes grupos temáticos: turismo, cultura e educación, deporte e sustentabilidade.

No pleno ordinario de decembro tamén se aprobou por unanimidade a declaración institucional do compromiso coa infancia e adolescencia de Ponteareas con motivo do Día Universal da Infancia 2020 facendo que se implante na política local esta liña de traballo. Así mesmo, aprobouse o primeiro Plan da Infancia e da Adolescencia, presentado polo goberno, que recolle 19 retos para os vindeiros catro anos, tal e como se reflicte no estudo realizado en colaboración coa infancia e coa mocidade e con distintos axentes sociais e que avalía a situación actual e ofrece solucións e accións.