APEGO volve ao auditorio municipal con “Un lugar chamado mundo”, de Verdeveras Expresións Artísticas

A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, que dirixe Hortensia Bautista, volve agasallar todas as familias cunha actividade enmarcada dentro do programa APEGO.

Nesta ocasión o Auditorio Municipal acolle este sábado, día 11 de maio, ás 12:00 horas, o espectáculo musical “ Un lugar chamado mundo”, de Verdeveras Expresións Artísticas.

Un lugar chamado mundo é un conto musical que xira arredor de Mariña, a nena protagonista da historia na que se busca entreter e favorecer o desenvolvemento da imaxinación, estimular o coñecemento das diversas culturas e ritmos a través dunha viaxe musical desde Galicia, pasando por Italia, China ou Senegal e no que se pon de manifesto a necesidade de coidar e respectar o planeta e os seus habitantes.

Esta actividade é de balde e forma parte dun conxunto de actividades realizadas de xeito mensual que fomentan a vinculación das familias co galego, dentro do proxecto Apego.

Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma, para o que se desenvolven materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmanse actividades para nais e pais e para nenos e nenas, etc.