Amador Castro Moure presenta no ciclo “Venres D_letras” a novela “Shanghai a Barcelona”

rpt_soft

O autor lugués acadou o último Premio Xerais con este relato

O chantadino Amador Castro Moure visitará este venres Ponteareas para participar no ciclo literario “Venres D_letras”, organizado pola Concellería de Cultura, que se desenvolverá na Biblioteca Municipal a partir das 20:30 horas. Falará da súa última novela, “Shanghai a Barcelona”, coa que o ano pasado se fixo co Premio Xerais de Narrativa, un dos máis prestixiosos do panorama literario galego.

Shanghai a Barcelona» é un relato vigoroso e orixinal que ten como telón de fondo a emigración e que confronta dúas maneiras diferentes de ver o mundo: a urbanita e a rural. Orlando, o protagonista, retorna á súa aldea de Trasmundi logo de toda unha vida en Barcelona e, na viaxe en tren, rememora algúns dos principais acontecementos que moldearon a súa existencia, amosándonos así unha biografía peculiar e unha historia amena e intrigante.

A narración gabea entre distintos xéneros e emprega recursos literarios de moi distinta facturación, ata construír un relato certeiro e atinado no que nada resulta ser o que parece a primeira vista, cun orixinal emprego das voces narrativas e unha linguaxe coidada que por veces roza o lirismo.

Amador Castro Moure é licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía, e vive dende neno en Barelona, onde traballa como programador de aplicacións informáticas e administrador de redes. Logo de participar en varias escolmas con poemas de xuventude, centrouse na narrativa coa publicación das novelas «Memorias de antes do encoro», «Pillabán, pillabán», e «Shanghai a Barcelona».

O ciclo «Venres D_letras» terá continuidade o vindeiro mes de abril coa presenza de Nazaret López, que nos falará da súa primeira novela “Formigas nos pés”.