As alumnas do centro ASPRODICO exporán os seus traballos diante do Centro Social

Terá lugar o mañá sábado 17 na rúa Oriente e a veciñanza que se achegue poderá adquirir todo tipo de produtos feitos a través de traballos manuais

O sábado 17 de decembro é o día escollido pola Concellería de Benestar Social e Igualdade, coordinada por Verónica Carrera, para que os 11 alumnos e alumnas do obradoiro ocupacional que se desenvolve no Centro Municipal Asprodico expoñan á veciñanza da vila todo o seu talento a través dun mercadillo que estará situado na rúa Oriente, ao carón do Centro Social, dende as 10:00 até as 14:00 horas.

As alumnas ofrecerán, deste xeito, a oportunidade de adquirir todo tipo de produtos realizados mediante diferentes traballos manuais. Cestos de vimbio ou codia de eucalipto, pratos de madeira con diferentes gravados, botellas de lá, candeas ou xabóns artesanais son só algúns dos exemplos que se poderán atopar no pequeno mercado organizado polo alumnado e o profesorado do Centro Asprodico.

O obradoiro ocupacional que se desenvolve nesta instalación municipal permite que persoas con diferentes discapacidades adquiran competencias en diferentes ámbitos entre os meses de outubro e xuño.