A Concelleira de Igualdade e Benestar Social, Verónica Carrera, visitou ao alumnado dos obradoiros de emprego que se desenvolven no Centro de Desenvolvemento Local para felicitalos polos traballos realizados con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.
Coordinados polas e polos docentes dos dous módulos (albanelería e sociosanitario) e pola directora do obradoiro de emprego, o alumnado realizou diferentes actividades que permitiron reflexionar sobre a violencia de xénero.
A primeira hora da mañá cada alumno/a redactou un suposto de violencia de xénero aportando ao remate a solución a ese caso en concreto. Cada alumno expuso a súa historia e logo procederon á votación da historia premiada. A gañadora recibíu o libro “Por que los hombres no escuchan y las mujeres no entienden los mapas” de Allan.
A continuación o alumnado do módulo de sociosanitaria proxectou un power point convidando á reflexión e a denuncia dos casos de maltrato. Tamén houbo lugar para un intenso debate no que participaron os vinteseis membros do obradoiro (alumnado e equipo técnico).
O broche de ouro púxoo un exquisito biscoito adornado con crespóns laranxas que conmemoran o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.
A Concelleira de Igualdade felicitou ao equipo de docentes, á directora e ao alumnado polas actividades realizadas e destacou a importancia de involucrar a toda a sociedade na concienciación da igualdade.