Alfonso Pexegueiro e Vanesa Sotelo presentan a versión teatralizada da Illa das Mulleres Loucas

A concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, convida a toda a cidadanía a participar na presentación da versión teatralizada do libro de Alfonso Pexegueiro A Illa das Mulleres Loucas.

Editada polo Concello de Ponteareas a presentación será mañá sábado día 11 ás 19 horas no auditorio municipal de Ponteareas. Todos e todas as interesadas deberán reservar praza no enderezo electrónico departamentocultura@ponteareas.gal ou chamando ao número de teléfono 618 705 635.

Fernando Groba explica que é imprescindible reservar para poder participar xa que o aforo é limitado e as novas normas de seguridade e distanciamento limitan o espazo dispoñible.

O escritor e poeta ponteareán, tamén pregoeiro da última edición das festas do Corpus, presentará a versión teatralizada dos poemas desta obra na que o espazo mítico dunha illa lle servíu para iniciar unha pescuda que o levou, a través dunha voz marcadamente feminina, a baleirar de sentido as trampas da existencia. Acompañará ao autor a actriz e dramaturga Vanesa Sotelo. Cando se publicou a obra orixinal no ano 2004, a editorial destacaba que se trataba dun poemario que provén e se dirixe ao inconsciente, poesía que nos sacode e desacouga pero que tamén nos ofrece refuxio. En A illa das mulleres loucas as fronteiras entre pasado, presente e futuro unifícanse. Amósase neste libro unha nova dimensión do tempo, a da liberdade da palabra.

Fernando Groba explica que esta presentación se enmarca na programación da cuarta Feira do Libro de Ponteareas que terá lugar dende o xoves ata o domingo e que traerá a Ponteareas aos escritores e escritoras máis relevantes do actual panorama das letras en Galicia.

A versión teatralizada de A Illa das Mulleres Loucas forma parte da colección Creadores Ponteareáns, unha iniciativa do Concello de Ponteareas que conta co apoio da Deputación de Pontevedra e que procura pór en valor o talento local ademais de promover a difusión da cultura, incidindo na lectura e na importancia tamén da escrita.