Alfombristas mexicanos deixarán a súa pegada na vindeira edición da festa do CORPUS de Ponteareas

A nosa arte efémera confraternizará co outro lado do Atlántico e acollerá a delegación de alfombristas La octava noche de Uriangato Guanajuato, México, que deixará a súa pegada no CORPUS 2019.

O alcalde en funcións de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou hoxe a visita desta delegación que leva máis de 53 anos dedicándose a propagar unha arte popular e colectiva, ao igual que o fan os e as alfombristas de Ponteareas, conseguindo transmitir a millóns de persoas esta parte da cultura e historia de México.

A delegación de Uriangato, ao igual que os e as nosas alfombristas, leva no sangue o amor pola conservación da confección das alfombras florais e contribúen na preservación da cultura expresada mediante arte efémera, formando parte da Comisión Internacional de Entidades Alfombristas.

La Octava Noche” alfombrará un tramo da Praza Maior tralo seu paso pola Flower Carpet de Bruselas, Bélxica, amosando a fermosura das súas creacións que xa teñen viaxado por California (EEUU) ou por Xapón.

As begonias, dalias e a casca de árbores, entre outros ingredientes naturais, forman parte esencial dos seus deseños.

Responsables da coordinación de tres encontros internacionais de alfombristas con sede na súa cidade, “La Octava Noche” ten estreitado lazos con países como Brasil, Italia, Malta ou India onde promoven e difunden esta tradición e sabedoría popular.

Unha comisión de Uriangato visitará Ponteareas para coñecer aos e ás nosas alfombristas que neses días traballarán incansables nos seus portais e ademais agasallar a todos os visitantes un anaquiño da súa arte efémera pasando a formar parte da historia do CORPUS de Ponteareas.

Ponteareas da un paso máis na internacionalización da nosa arte efémera ampliando horizontes e estreitando lazos coas delegacións máis representativas a nivel mundial.