Alfombristas de Ponteareas viaxan a Aguaviva

O Alcalde de Ponteareas deséxalles boa viaxe ás e aos Alfombrista de Ponteareas que se desprazan hoxe á localidade turolense de Aguaviva. Membros da Asociación de Alfombristas de Ponteareas, convidados pola Asociación Cultural Caliu e polo concello de Aguaviva, participarán na festa do Santísimo Misterio de Aguaviva realizando unha alfombra xunto coas que realizan na propia localidade. 

As alfombras de Aguaviva foron declaradas no ano 2017 Festa de Interese Turístico de Aragón e obtiveron o sello do Ano Europeo do Patrimonio Cultural (AEPC) tras ter atendido o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a petición da Asociación Cultural Caliu Aguaviva co apoio do concello de Aguaviva.

Cada 28 de agosto, esta localidade do baixo Aragón, a veciñanza alfombran con efímeras creacións de serrín tinguido de cores que so se poderán contemplar durante un par de horas antes do paso da procesión que conmemora os miragres acontecidos na localidade no século XV.

No ano 1989 a Asociación Cultural Caliu retomou a costume perdida no ano 70 de alfombrar con flores e follas de chopo, pero xa pasando a empregar serrín tinguido de cores vivas que cubren con cenefas e debuxos as principais rúas da vila co tema do Ano Internacional que corresponda. David Valencia é o responsable do deseño logo de tomar o relevo do seu pai, Manuel Valencia. Toda a poboación participa á hora de tinguir o serrín uns días antes e debuxar as plantillas nas rúas a noite anterior. Ao día seguinte ben cedo, ponse o serrín antes das dez da mañá.

A participación de toda unha veciñanza, a efemeridade desta arte e a tradición son denominadores comúns cos alfombristas de Ponteareas que deixarán a súa impronta na praza da igrexa de Aguaviva. 

O tema das alfombras de Aguaviva deste ano será o Patrimonio Cultural Europeo e como o Camiño de Santiago que ven dende Castellón pasa pola localidade, os e as ponteareás dedicarán a súa alfombra floral ao camiño que vai dende Aguaviva a Santiago. Así, arredor da cruz de Santiago, cabazas e cunchas de vieira rodearán a alfombra. Nas cabeceiras da alfombra haberá un escudo con forma de vieira, o de Aguaviva e o de Santiago, orixe e fin do camiño. Empregaránse vinte tipos de materiais diferentes: 1500 caraveis, sementes, verde de tuia, mirto moído, capuchó de eucalipto e de landras, brezo, carulos, cunchas de vieiras, cabazas…

Rendindo homenaxe aos ríos Tea (Ponteareas) e Bergantes (Aguaviva) a cruz estará sumerxida na auga destes ríos e enriba deles as pontes, a de Cananillas e a Ponte dos Remedios, símbolos das dúas vilas. 

A Asociación de Alfombristas de Ponteareas adianta que será unha das primeiras en empregar o logo do Xacobeo 2021, logo de obter a autorización de Turismo de Galicia.

O sábado día 25 as e os alfombristas de Ponteareas serán recibidos en Aguaviva, o domingo 26 darán unha charla presentación das alfombras de Corpus Christi de Ponteareas, o luns 27 comezarán a preparación das alfombras florais ao estilo Ponteareas e o martes 28 elaborarán as alfombras e participarán na procesión.

Xosé Represas agradece ás e aos alfombristas que leven o nome da cidade pola xeografía española e que difundan a arte floral e o bo traballo das nosas xentes.