Alfombristas de Ponteareas confeccionaron unha alfombra en Meaño

Alfombra en Meaño- alfombristas Corpus As Monxas-1 Alfombra en  Meaño-2O pasado domingo, día 20 de xullo, alfombristas do tramo “Corpus -As Monxas” de Ponteareas confeccionaron unha fermosa alfombra floral en Meaño, na parroquia de Santa Cristina de Cobas, na honra do Santísimo Sacramento. Estiveron acompañados polo concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, como un alfombrista máis. O concelleiro quere destacar a importancia de difundir este saber secular dos ponteareáns alén das nosas fronteiras e incide no feito de que o Concello de Ponteareas segue apostando e apoiando este tipo de iniciativas que contribuen a potenciar a marca turística de Ponteareas como “Vila do Corpus”.

A confección desta alfombra xurdiu a pedimento dos membros da Comisión da Festas da devandita parroquia, coñecedores da nosa tradición e asombrados trala confección da alfombra que os ponteareáns realizaron na pasada Semana Verde de Silleda.

Por último, o concelleiro de Cultura quere agradecerlles aos membros do tramo “Corpus As Monxas” a dedicación desinteresada e o traballo realizado no adro da igrexa de Santa Cristina de Cobas, en Meaño, como unha mostra da arte efémera ponteareá, que nos caracteriza e singulariza, e que é o estandarte da vila de Ponteareas.