As alfombras florais de Ponteareas volveron lucir un ano máis na Feira Internacional Semana Verde de Galicia, en Silleda

Silleda2014O concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, acompañado dunha delegación de alfombristas da vila do Corpus, estiveron presentes esta fin de semana pasada na Feira Semana Verde de Galicia, en Silleda, onde confeccionaron unha vistosa alfombra floral que impresionou aos milleiros de visitantes que ata alí se achegaron. A alfombra confeccionada este ano é unha adaptación do tapiz deseñado por Jose Luis González Porto, alfombreiro finado este ano e do cal o concello inmortalizou a súa alfombra no cartel de Corpus Christi deste ano 2014.

A confección dunha alfombra floral no corredor principal do recinto, durante a celebración da Feira Internacional Semana Verde de Galicia en Silleda, levada a cabo entre o 12 e 15 de xuño, supuxo para os alfombristas de Ponteareas un recoñecemento ao seu traballo desinteresado e altruista para un maior engrandecemento da festa do Corpus Christi de Ponteareas. Mediante este tipo de iniciativas, o Concello segue apoiando e contribuíndo a potenciar a marca turística de Ponteareas como “Vila do Corpus” e das alfombras alén das nosas fronteiras.

Así mesmo, Andrés Sampedro Fernández, como concelleiro de Cultura, agradeceulle á organización da Semana Verde de Silleda a súa invitación a participar en tan importante evento, así como a atención prestada para que os ponteareáns puidesen desenvolver a súa actividade sen contratempos. Igualmente, desexa transmitirlles aos alfombreiros desprazados a Silleda o seu agradecemento persoal e do Concello polo seu gran traballo e dedicación.