As alfombras florais de Ponteareas estiveron presentes en Roma

Alfombra Roma 2014O concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, acompañado dunha delegación de alfombristas da vila do Corpus, estiveron presentes esta fin de semana pasada no V Congreso Internacional de Arte Efémera, levado a cabo en Roma do 26 ao 29 de xuño de 2014.

O sábado 28, o concelleiro de Cultura, en representación do Concello de Ponteareas, expuxo o seu relatorio no V Congreso Internacional de Arte Efémera, baixo o lema “ A importancia do recoñecemento público ás persoas transmisoras do legado”, no que salientou a importancia de pór en valor os artistas deseñadores das alfombras, aquelas persoas que destacan sobre o común dos participantes e que, ano tras ano, deixan a súa impronta na confección dos alfombrados. Neste congreso estiveron presentes 50 delegacións de todo o mundo que salientaron a necesidade de manter este legado efémero, así como a importancia da asociación internacional que aglutina os países con tradición na confección destas obras de arte efémera.

Así mesmo, a delegación ponteareá realizou unha alfombra floral na Vía da Conciliación, rúa que conecta coa Praza de San Pedro, na noite do sábado 28, e que puido ser contemplada no seu esplendor o domingo, día de San Pedro, no que milleiros de visitantes e veciños de Roma puideron apreciar un exemplo das marabillosas alfombras florais confeccionadas polos ponteareáns.

O concelleiro de Cultura quere, así mesmo, pór de manifesto a importancia de que Ponteareas participe e forme parte destes eventos internacionais nos que, ademais de ser unha boa oportunidade para a posta en común das iniciativas e das características tradicionais de cada tipo de alfombrado, é unha excelente canle de difusión no mundo das nosas verdadeiras obras de arte que son as alfombras florais de Ponteareas.