O alcalde de Ponteareas esixe á Xunta de Galicia unha resposta sobre o traspaso da residencia de maiores

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, ven de esixir da Xunta de Galicia, unha resposta a petición realizada polo Concello para o traspaso da residencia de maiores por ser de competencia autonómica.

A residencia está xestionada polo Concello dende o ano 1997, o goberno actual mantivo varios encontros coa Xunta de Galicia para trasladarlles a necesidade de que asuman as súas competencias e responsabilidades na xestión deste centro. O goberno de Ponteareas ten solicitado novas reunións e esixen unha resposta ao traspaso de competencias na xestión da residencia, unha cuestión xa trasladada en 2012 polo anterior goberno local sen que a Xunta de Galicia pasase en ningún momento nestes 6 anos das promesas aos feitos”, afimou a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera. 

“A residencia Santa Anta, aberta dende o ano 1986, ten que ser asumida pola Xunta de Galicia ao igual que o resto das residencias de maiores dos outros concellos.

Ademais, o Concello de Ponteareas ven de modificar o regulamento do réxime de funcionamento interno da residencia de válidos Santa Ana, nos apartados das baremacións .

Esta residencia de titularidade pública ten trinta e dúas usuarias e usuarios  que son atendidos por vinte traballadores. Nestes intres, a residencia ten algunhas prazas vacantes e os interesados poden consultar o novo regulamento na páxina web do Concello de Ponteareas na pestaña de ordenanzas. https://ponteareas.gal/ordenanzasn/, ou na secretaría da propia residencia de maiores sita na rúa Santa Ana, en horario de mañá.

A residencia de Maiores Santa Ana é un establecemento público destinado a lugar de convivencia e servir de vivenda permanente e común a quen, alcanzando a idade de sesenta e cinco anos, non poida satisfacer estas necesidades por outros medios, e onde se presta unha atención integral e continuada ós/ás Residentes. 

Segundo a súa tipoloxía está clasificada como de válidos, dado que a poboación ocupacional actual é de persoas que manteñen unhas condicións persoais, físicas e psíquicas, que lles permite realizar por si mesmas as actividades normais da vida diaria. 

O obxectivo desta residencia é ofrecer unha alternativa ás persoas maiores válidas que non poidan continuar na súa vivenda habitual ben por soidade, por problemas familiares ou por outras circunstancias garantíndolles unhas condicións de vida e o mantemento ao máximo grao de autonomía persoal que permitan as súas potencialidades. 

Na residencia Santa Ana poténcianse as relacións familiares para evitar o desarraigo, realízanse actividades entre os residentes, facilítase unha vivenda permanente e mellórase ou mantense o nivel de saúde. A atención sanitaria baséase en proporcionar asistencia integra, establecer revisións médicas periódicas, proporcionar un racional uso de medicamentos e previr a tendencia á posible incapacitación. 

As actuacións deste servizo serán proporcionar almorzo, comida, merenda e cea elaborando dietas especiais, control dietético e calórico dos alimentos , supervisión de aspectos relacionados coa hixiene e manipulación dos alimentos; consello e información nutricional ós/ás usuarios/ as, entre outras. 

Ademais, na residencia Santa Ana desenvólvense programas socias como os programas de apoio ó ingreso e adaptación do/a usuario/a á vida do centro; programas de participación comunitaria promovendo as actuacións do voluntariado e a utilización de dispositivos complementarios ó centro e favorécense as relacións entre os residentes e ás relación cos seus familiares,así como as saídas ó exterior potenciando ó máximo a súa autonomía persoal. 

Poderase ofrecer terapia ocupacional para atenuar, na medida do posible, o deterioro psicofísico que se vai producindo co paso dos anos, así como favorecer e manter o maior tempo posible a independencia das persoas maiores nos distintos aspectos da vida cotiá. Entre estas podemos enumerar: Mellora das Actividades da vida diaria (mobilidade, aseo persoal, vestido, alimentación…), Terapia Recreativa (diferentes actividades lúdicas de carácter terapéutico), Ergoterapia ou Laborterapia (aprendizaxe dun labor determinado).