Adxudicadas as obras de transformación da rúa Trobador Xoán García de Guillade, que darán comezo nas vindeiras semanas

Adxudicadas as obras de transformación da rúa Trobador Xoán García de Guillade, que darán comezo nas vindeiras semanas

 

Vinte empresas participaron no proceso de licitación dunhas obras que dará lugar ao primeiro camiño escolar seguro da vila

 

Suporá un investimento de case 731.000 euros financiados a través do ReacPon e do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

 

A transformación da rúa Trobador Xoán García de Guillade nun espazo público de calidade para as persoas está a piques de comezar. O Concello de Ponteareas adxudicou a execución das obras tras un proceso de licitación con grande acollida por parte das empresas, xa que unha vintena de entidades presentaron as súas propostas.

 

As obras, que serán levadas a cabo por Oresa Construcción y Servicios Globales, contarán cun prazo de execución de 8 meses e suporán un investimento de case 731.000 euros financiados a través do plan ReacPon e do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Os traballos abranguerán algo máis dun quilómetro, permitirán crear o primeiro espazo escolar seguro da vila ata o CEIP Ramiro Sabell e triplicarán o espazo para a veciñanza apostando pola mobilidade segura e sostíbel. “Estamos cada vez máis cerca de que este proxecto sexa unha realidade e de que máis de 1.500 rapazas e rapaces poidan moverse con liberdade e autonomía, a pé ou en bici, nun hábitat saudábel, inclusivo, amábel e seguro”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

 

Será unha transformación que permitirá conectar a pé o centro urbano con parroquias como Fontenla e Arcos. Ademais, intervirase no tramo da rúa Nardos entre Xoán Trobador e o Paseo Matutino, así como nesta última rúa entre a saída de Nardos e a entrada a Feliciano Barrera, onde se atopan os institutos Val do Tea e Pedra da Auga. Tamén suporá a recuperación para as persoas do tramo situado entre a Avenida de Galicia e a rúa Camelias, un treito de 200 metros que actualmente a través de beirarrúas moi estreitas conecta a Casa do Concello co Parque Ferro Ucha. Complementarase  co acondicionamento dun tramo da rúa Nardos, a carón do parque Ferro Ucha, unindo a estrada de Guillade co Paseo Matutino. Nesta actuación plantaranse preto de 200 árbores.

 

Por outra banda, o Concello tamén vén de adxudicar a redacción dos proxectos de mobilidade amábel e recuperación dos espazos públicos ao abeiro da Rede Ágora, que suporá un investimento de máis de 42.000 euros financiados ao 90% pola Deputación de Pontevedra.

 

Seis empresas participaron no proceso de licitación destes proxectos, cuxa redacción foi adxudicada a Galaicontrol SL e que atinxirán ás rúas Constitución, Concha Brey, Senén Canido, Virxe dos Remedios, Reveriano Soutullo, Vidales Tomé e Morales Hidalgo. O obxectivo desta intervención é recuperar espazos para as persoas, potenciando a mobilidade peonil e en bicicleta, eliminando o tráfico de paso e axitación, reducindo a contaminación e poñendo en valor o patrimonio arquitectónico da contorna, entre outros.