Adxudicadas as obras de humanización no tramo auditorio-praza de abastos

As obras, que teñen un coste de máis 200.000€, comezarán o 7 de xaneiro para garantir o bo desenvolvemento da actividade comercial no nadal

O goberno de Ponteareas da un novo paso para conseguir que a nosa cidade sexa un fogar no que os protagonistas sexan as persoas e ven de adxudicar as obras para a humanización e mellora da seguridade peoníl do tramo rúa Doutor Fernández Vega, entre o auditorio municipal e a praza de abastos a AUDECA, S.L.U.

As obras foron adxudicadas por 205.444,92€ (ive incluído) e neste proceso público concursal aberto participaron trece empresas.

Estas obras están enmarcadas na estratexia “Ponteareas, hábitat saudable” que conta co financiamento dos fondos de desenvolvemento rexional da Unión Europea (fondos FEDER) que custean o 80% e dos fondos propios do concello que se fai cargo do 20%.

O alcalde Xosé Represas e a concelleira de Vías e Obras Chus Garrote  explican que as obras comezarán a partir do día 7 de xaneiro do vindeiro ano para garantir o bo desenvolvemento comercial na época de nadal e que antes do comezo das mesmas manterán unha reunión entre o arquitecto responsable, a empresa adxudicataria, a federación de comercio, os comerciantes e os praceiras e praceiros para falar dos detalles da obra e para estudar como se desenvolve a actividade comercial durante as obras.

A reforma que creará unha plataforma única entre os dous edificios, como se dunha praza se tratara, mante a circulación de vehículos nos dous sentidos. Estes deberán subir á plataforma e circular a tan só 20 km/h, garantindo así a seguridade dos peóns. O obxectivo da actuación é converter esa zona comercial con grande movemento de persoas nun amplo espazo peonil atractivo, agradábel e seguro, con mobiliario urbano como bancos, nova iluminación e arborado de certo porte.

Este proxecto súmase aos xa postos en marcha como a humanización de San Roque I tramo e Alto da Gloria, ademais doutros procesos que xa están en tramitación.

Esta obra, como outras, contou cun proceso previo de participación cidadá.