Adxudicada a redacción do proxecto do Centro Cívico da Praza Maior, destinado a actividades sociais e servizos municipais

Adxudicada a redacción do proxecto do Centro Cívico da Praza Maior, destinado a actividades sociais e servizos municipais

 

O proxecto presentarase á veciñanza nun acto participativo no mes de maio

 

Contará cun investimento de 32.000€ cofinanciado por fondos europeos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Habitar Saudable’

 

Novos pasos para dotar a Ponteareas e á súa veciñanza dun Centro Cívico en pleno corazón da vila. Logo de ter mercado con fondos propios un grande edificio na Praza Maior, ter redactado un anteproxecto e contar coa autorización de Patrimonio Cultural, o Concello acaba de adxudicar a redacción do proxecto de execución e dos informes de eficiencia enerxética (IIE), así como a dirección da obra, para a rehabilitación desta edificación de máis de 900 m2. O futuro Centro Cívico destinarase a servizos municipais e actividades sociais e contará con espazos para a mocidade, salas de reunións, espazos para obradoiros e cursos, servizo de atención temperá, sala de exposicións ou unha oficina de información.

 

A empresa adxudicataria comezará de inmediato a redacción do proxecto de execución, “que incluirá as achegas derivadas do proceso participativo e que tamén incorporará un estudo de accesibilidade e mobilidade do edificio no que colaborarán persoas especializadas”, como destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

 

O proxecto definitivo de rehabilitación das instalacións será presentado de novo á veciñanza nun acto participativo. O goberno BNG-PSOE prevé que os traballos de reforma do edificio comecen a principios de verán. “Este novo equipamento dará resposta á necesidade que a vila de Ponteareas ten de contar cunhas amplas instalacións que acollan e faciliten a actividade social, cultural ou formativa que promoven tanto o Concello como diferentes asociacións. Do mesmo xeito que no rural as Casas Culturais compren ese papel, o novo Centro Cívico atenderá esa demanda no centro urbano”, recalca a rexedora.

 

Esta iniciativa do Goberno municipal do BNG-PSOE é tamén “unha aposta pola revitalización do centro histórico da vila e, en particular, da Praza Maior, que se suma a outras iniciativas como a próxima creación do Centro de Emprendemento no edificio da Seguridade Social ou a posta en marcha da Área de Rehabilitación Integral (ARI) do casco antigo”, sinalou a segunda tenenta de alcaldesa Chus Garrote.

 

Os traballos de redacción do proxecto de rehabilitación do edificio, que contarán cun investimento total de case 32.000 euros, están cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’.