Acción e compromiso, este Venres Polo Planeta actuaremos nos montes e sendas de Prado

A concellería de Mocidade e Voluntariado que dirixe Miguel Bouzó convoca unha nova acción de compromiso medioambiental enmarcada dentro da iniciativa “Venres polo planeta”.

A nosa mocidade e todo aquel e aquela que o desexe poderá colaborar na limpeza do monte e sendas da parroquia de Prado este venres día 9.

A acción desenvolverase a partir das 16:30 horas e o punto de saída será a piscina municipal. 

Tan só é preciso ir equipados de luvas e botas e confirmar asistencia inscribíndose no enderezo electrónico voluntariado@ponteareas.gal ou no número de teléfono 687 764 516.

Os venres polo planeta son un dos primeiros pasos que a concellería de Miguel Bouzó puxo en marcha para dar cumprimento ao aprobado en sesión plenaria para incrementar as accións encamiñadas a frear a crise climática, dando así resposta ao cumprimento do obxectivo de desenvolvemento sostible número 13 relacionado coa accións de compromiso polo clima.

Os “Venres polo planeta” camiñan ademais na liña da estratexia de futuro “Ponteareas, Hábitat Saudable” e promove a participación e a implicación na procura dunha vila máis sostible e respectuosa co medio ambiente.